The British & Irish Lions | ||
---|---|---|
Alcume(s) | The Lions | |
Unión | IRFU Rugby Football Union Scottish Rugby Union Welsh Rugby Union | |
Adestrador | Warren Gatland (2021) | |
Capitán | Sam Warburton (2017) | |
Mais caps | Willie J. McBride (17) | |
Máximo anotador | Gavin Hastings (69) | |
Máis ensaios | Tony O'Reilly (6) | |
| ||
Estrea internacional | ||
Otago 3−8 Shaw e Shrewsbury Dunedin, N. Zelandia; 28 de abril de 1888 | ||
Maior vitoria | ||
Australia Occidental 10−116 Lions Perth, Australia; 8 de xuño de 2001 | ||
Maior derrota | ||
Nova Zelandia 38−6 Lions Auckland, Nova Zelandia; 16 de xullo de 1983 |
Os British and Irish Lions (en galego Leóns británicos e irlandeses) son unha selección dos mellores xogadores de rugby das Illas Británicas que cada catro anos fai unha xira por unha das rexións máis potentes do rugby do Hemisferio Sur, principalmente Nova Zelandia, Suráfrica e Australia, malia que tamén teñen visitado Arxentina. Nesas xiras adoitan enfrontarse a varios equipos locais, para rematar cunha serie de tres ou catro encontros coa selección nacional do país visitado, que determinan quen sae gañador da xira, á marxe dos resultados previos. Os Lions non son unha selección nacional, de xeito que tampouco poden competir oficialmente en ningún campionato, e os resultados contra eles non suman nin restan puntos na clasificación mundial. Porén, as xiras dos Lions son un evento dos medios de primeiro nivel no rugby internacional, e a súa camisola vermella é a segunda máis vendida no mundo trala negra dos All Blacks. Xogar cos Lions está considerada a máxima honra para un xogador de rugby das Illas Británicas, mesmo por enriba de xogar para o seu equipo nacional, pois os Lions son unha selección de seleccións (Escocia, Gales, Inglaterra e Irlanda). Do mesmo xeito xogar contra os Lions é moi valorado, pois adoitan visitar os seus rivais tan só unha vez cada doce anos.